de ‘facebookeiro’ a xornalista

Alba Pinto fai referencia á importancia actual das redes sociais, redes que tamén poden servir ao xornalismo como novas maneiras de compartir e comunicar información, pese a que redes coma Facebook teñan a súa propia lenda negra (si, xa sei que son un conspiranoico, pero como cantaba o Cobain: Que sexas un paranoico non significa que non vaian a por ti). Entre a moda de grupos de Facebook, Alba fai referencia a un moi xornalístico: Por que ninguén me parou os pés cando decidín ser xornalista?, grupo que conta con 833 membros, unha cifra a ter en conta. Pois ese grupo de Facebook conta cun membro máis. aínda así, non hai que perde-la esperanza. Internet é o medio perfecto para tratar información que non se trata nos medios tradicionais e dun xeito máis crítico, sen que o brillo das monedas oculte a verdadeira información. O soño das grandes reportaxes que traian candasi verdadeiros cambios a nivel social non ten porque ser un soño de principiante. Gracias a internet e ás novas tecnioloxías non ten porque selo, aínda que para iso os xornalistas teñamos que deixar atrás vellas rutinas e vicios do xornalismo tradicional.

Outra revisión da ‘crise do xornalismo’

O artigo de Borja Golán pon sobre a mesa un naspecto de vital importancia para a chamada ‘crise do xornalismo’. Internet non é a ameaza, senón o propio xornalismo e os seus vicios, como pode se-la dependencia de actores políticos e económicos. De feito internet é un esceario perfecto para poder comunicar esas informacións que os medios tradicionais non transmiten porque ‘van en contra da súa liña editorial’ (máis ben da liña editorial daqueles poderes fácticos que empregan o xornalismo como altofalante das súas mensaxes). E con respecto ao papel do xornalista neste novo contexto, algo xa tratado entroutros por Gemma Vega, se temos medo de que outra xente allea ao xornalismo ocupe o noso lugar, por algo será. Teremos que facer autocrítica e ver que realmente podemos aporta-los xornalistas de novidoso e que vicios arrastramos que provocan que os lectores dubiden de nós.

resultados eleccións

A continuación un enlace cos resultados das eleccións a reitor da USC por campus, sectores e facultades

Datos

Crise da prensa, ou do modelo de prensa?

Está a prensa escrita en perigo? Esta é unha das preguntas de moda para todo xornalista, pero coido que está mal enfocada. Non será que o que realmente está en crise é o modelo actual (e tradicional) de prensa escrita? A aparición das novas tecnoloxías provocou numerosos cambios tanto na forma como no contido. Todos sabémo-las múltiples posibilidades que se nos presentan coa multimedia, a inmediatez e demais aspectos propios da web 3.0. E a isto hai que sumarlle a cantidade de novas voces que xorden a carón destes cambios, aportando novos enfoques e maneiras de trata-la información. Pero os grandes medios seguen ancorados no pasado, dando todos a mesma información respondendo a intereses económicos e tratándoa igual que hai vinte anos. Os máis avezados estánse aproximando no aspecto técnico, con traballados infográficos e elementos multimedia, pero tratan igual a información sen darse conta de que as demandas do usuario non son xa as mesmas. Hai un forte pulo da información cidadá e unha maior oferta de portais onde todos aqueles que non teñen voz nos grandes medios se poden expresar libremente. Santi Agra apunta á lingua e cultura galega, pero hai máis. Dende o pobo mapuche  a organizacións sindicais minoritarias  do estado español (si, hai máis sindicatos que UXT e CC.OO!) poden anunciar e denunciar feitos, mentres os grandes medios os seguen tapando con banalidades que nunca pasan de moda. Así pois, poida que cando as grandes corporacións donas dos principais medios impresos se dean conta de que hai novas formas de conta-las cousas e usuarios con demandas novas, que buscan novas visións dos feitos que os grande medios tratan de xeito case igual, entón a prensa escrita estará máis preto do fin desa crise

Pensando como ‘ciberxornalista’

Julia Fontenla faise eco dalgo que me pasou a min. Estes catro anos de carreira valéronme sobre todo para formarme criticamente perante a realidade e para desconfiar dos grandes medios de comunicación, corrompidos polas súas relacións cos grandes poderes fáticos. Por iso o ciberxornalismo aportanos un novo esceario con novas ferramentas dende as que elaborar unha información máis crítica sen estar subordinada aos intereses corporativistas das grandes empresas (grandes medios de masas incluídos).

Pero os cibermedios tampouco son un campo de rosas. Teñen unha vida moi curta e aínda están en plena formación. Tanto é así que os grandes medios aínda están empezando a darse conta de que esixen unhas formas de elaboración e consumo novas, como apunta Verónica López. Así que se os grandes medios non se dan de conta das posibilidades que nos aportan as novas tecnoloxías, temos que ser nós, os xornalistas, os que deamos ese primeiro paso e pensemos xa en ‘cibermedio’, como tamén indica Laura Torres, e procurando non caer ren novas rutinas que limiten o noso traballo como as antigas rutinas o facían no xornalismio tradicional.

Haberá ciberxornalistas no futuro?

Seguindo coa temática sobre o futuro do xornalismo xa tratada anteriormente, hoxe gustaríame arrincar cunha observación feita por Karina  Rivero sobre os novos modelos de mercado para os medios de comunicación,  máis concretamente para a prensa escrita. Hai que partir do contexto xeral de internet, onde o produto perde ese sino de obra orixinal debido a posibilidade de reprodución infinita do mesmo. Toda a polémica que rodea á piratería e ás páxinas P2P é un claro exemplo do mesmo. E seguindo por esta senda chegamos a unha cuestión xa comentada tamén por Karina: para que pagar por algo que podemos conseguir de xeito gratuíto? Persoalmente creo que o futuro de xornais de pago, como pretende facer Rupert Murdoch cos xornais do seu imperio ou El Mundo con Orbyt, non sairá adiante porque se topará con que a inmensa maioría dos usuarios vai atopar información semellante (cando non mellor, pois haberá webs independentes onde lle dean un enfoque máis crítico ao tema, ao non te-las mans atadas como ocorre cos grandes medios e a súa relación co gran capital) na rede de xeito gratuíto. Estes grandes medios apuntan a que se pagará por unha mellor cobertura da información, o que me parece sospeitoso e pouco ético. Hai que preguntarse que pode engadir a maiores e se é tan importante por que incorre nunha clara discriminación con respecto ao usuario por ocultarlle unha información por razóns económicas, atacando de fronte a dereitos constitucionais coma os recollidos no art. 20 da Constitución española. Pero en fin, supoño que para xente coma Murdoch isto non é delito, senón afán de empresa…

Seguindo co tema dos modelos de negocio e a gratuidade da información hai outro aspecto a destacar: a aparición do xornalismo cidadá, que demostrou que hai xornalismo máis alá do xornalista. Calquera pode elaborar unha peza informativa e aforrarlle uns pesiños ao medio en nóminas de traballadores. A figura do xornalista pode seguir sendo imprescindible, como apunta Andrea Carcacía, pois  conleva tarefas que só unha persoa instruída no oficio do xornalismo pode facer, coma a contextualización ou o darlle o enfoque adecuado á información. Pero aínda así cómpre que vaiamos con ollo, pois se os blogueiros e demais aspirantes a ciberxornalistas seguen traballando para ofrecer unha información distinta á ofrecida polos grandes medios corporativos podemos te-lo risco de que nos adianten pola dereita. Polo tanto, e como comenta Jorge Lema, nós os xornalistas témo-la solución nas nosas mans. Podemos seguir durmindo nos loureiros crendo que somos unha peza única e insustituible (nada hai único e insustituible neste mundo capitalista) ou podemos loitar para adaptarnos a este nova escea e demostrar que o xornalista pode facer algo distinto ao do resto dos mortais internautas, e tamén distinto ao ofrecido polas grandes  corporacións informativas ancoradas en tempos mellores.

Choque de visións

Admírame o positivismo que desprende a miña compañeira Débora no seu artigo titulado Metamorfose, e debo recoñecer sen dúbida que esa é a actitude a manter para manter un xornalismo vivo, mais eu carezo de tal comportamento decidido. Debe ser que a min pasoume o caso contrario que a Débora, miña nai conseguiu convencerme para que fixera xornalismo en vez de Historia, a miña opción prioritaria, así que carezo de vocación para este oficio. Pero aínda así o xornalismo era algo que me atraía moito por esa aureola romántica de destapar escándalos e de descubrir novos mundos, non xa lonxe xeograficamente falando, senón mundos moito máis próximos. Co tempo dinme de conta que non é todo tan bonito. Dáste conta de que os grandes medios que che presentan como de referencia están viciados polas malas compañías, as rutinas, a precariedade e máis males. Comprobas como o teu traballo como xornalista limítase a falar sobre feitos sen estar alí, sen saír sequera da oficina, todo mediante chamadas telefónicas (feito real, dou fe). Así que palabras coma deontoloxía e veracidade sóanme igual que cando un político fala de democracia e liberdade, soan ben e énchenche a boca cando as dis, pero non deixan de ser palabras. Acaso ten unha persoa coma Juan Luis Cebrián, por citar un editor modelo, o crédito suficiente coma para falar de deontoloxía? Acaso había veracidade nas fotos dos bombeiros terroristas? Pero temos unha boa arma na nosa man, internet e as súas múltiples capacidades multimedia coas que se poden acadar proxectos interesantes e atractivos para a audiencia sen perder o seu valor xornalístico. E iso pode facelo calquera que posúa uns mínimos coñecementos de informática, sexa xornalista ou non. Isto que a simple vista pode semellar malo non ten porque ser así. Un non-xornalista carece das rutinas profesionais que padecemos todos e pode ter as mesmas ou máis habilidades para contar cousas de maneira atractiva e completa. Só hai que ver a numerosa cantidade de blogueiros que ofrecen textos interesantes e completos sen ser xornalista. García Márquez non iba para xornalista, estudaba dereito… Así que agora ábrese un mundo novo onde os medios tradicionais se teñen que adaptar ás novas formas de consumo multimedia e a novas formas de negocio, parellamente ao xurdimento dunha nova clase de xornalismo beneficiado polas posibilidades desta nova escea, e non sempre protagonizado por xornalistas puros. Así que haberá que estar atentos a como se desenvolve a xogada…

xornalismo de hoxe e mañá

O ideal romántico do xornalismo preséntanos ao profesional dos medios coma un cruzado en busca da verdade, destinado a loitar contra os poderosos e defender aos máis indefensos. Guiándose por unha presunta obxectividade e independencia enorgullécese da súa labor social, dos seus watergate’s. Éncheselle a boca con todas estas verbas coma liberdade de expresión, democracia,… Pero a verdade achégase máis a un xornalista que funciona como altofalante de gobernos e grandes corporacións, silenciando información argumentando esa falacia de obxectividade (se se denuncia a alguén pouco importa que esta se base en feitos irrefutables, pois estará o xornalista actuando de maneira imparcial). Abandonou toda clase de aventura e crítica para apoltronarse na comodidade da rutina e das facilidades que lle dá ser un reprodutor de consignas oficiais. Apenas quedan medios independentes, a maior parte están subxugados a empresas e demais institucións mediante publicidade, accionariado e subvencións, factores contra os que nada pode facer o cidadán. Semella que en internet podemos achar unha alternativa, con múltiples webs de contrainformación e de xornalismo cidadán, onde facer fronte a esta tiranía dos grandes medios clásicos. Hai que evitar que esta arma caia nas mans dos de sempre, para que o xornalismo do futuro máis inmediato non remate sendo o xornalismo do pasado máis presente

As elección para reitor na USC xa teñen data

Onte martes 22 de febreiro decidíuse a data para as eleccións nas que se elixirá o novo reitor ou reitora da USC, en substitución de Senén Barro Ameneiro, así como os representantes no Claustro e nos consellos de departamento, segundo a resolución reitoral correspondente. Ponse así en marcha un proceso que arrinca coa publicación do censo electoral hoxe mércores 24 e que rematará o día 5 de maio coa celebración das eleccións, tras unha campaña electoral que comezará o vindeiro 20 de marzo, tal e como se indica na convocatoria publicada onte. Así mesmo, de non acadar maioría absoluta ningunha das candidaturas terá lugar unha segunda volta cuxas eleccións se celebrarían o día 24 de maio.
Á hora de realizarse estas eleccións, e segundo a normativa electoral, divídese aos electores en varios sectores electorais: o Persoal Docente e Investigador (PDI) funcionario doutor, outro PDI (funcionario non doutor, profesorado contratado e outro PDI contratado), os investigadores en formación e estudantes de terceiro ciclo e posgrao, os estudantes de primeiro e segundo ciclo e o Persoal de Administración e Servizos (PAS). O voto de cada un destes sectores está ponderado tal e como se indica no artigo 48 do Regulamento electoral Xeral, polo que non conta co mesmo valor o voto dun estudante ca o dun PDI. Este detalle foi moi importante nas últimas eleccións, onde o actual reitor Senén Barro e o seu rival Juan Casares Long empataran a votos, pero a maior cantidade de voto estudantil deste último non impediu que Barro, con máis votos docentes, se fixera coa vitoria.
Unha vez establecido o censo definitivo abrirase o prazo para presentar candidaturas, cuxos requisitos necesarios quedan establecidos no art. 4 da normativo. Polo tanto, aínda non se pode falar de candidatos oficiais, aínda que dende varios medios xa se están a citar aos posibles candidatos, un total de seis, o que converte a estas eleccións nas máis abertas ate o de agora, onde sempre abundaban as convocatorias con só dous candidatos agás nas primeiras eleccións democráticas do ano 1984, onde Carlos Pajares derrotara a Xosé Manuel Beiras e a Miguel Ángel Ríos.
Pero ademais de reitor, os membros da USC tamén elixirán aos membros do claustro e dos consellos de departamentos seguindo o establecido nesta mesma normativa electoral no capítulo terceiro.
Os electores tamén poderán exerce-lo voto anticipado entre os días 29 de abril e 3 de maio, segundo estipula o capítulo décimo da convocatoria. Así mesmo, e como novidade, na mesma convocatoria autorízase a Secretaría Xeral, no capítulo undécimo, para a realización dun proxecto piloto de voto electrónico para a elección de representantes dalgúns Consellos de Departamento.

Seguir

Get every new post delivered to your Inbox.